Accesibilidad

Noticias 

Seguindo as pegadas: Mina das Sombras

Valorando e tratando de optimizar recursos

19/09/2022 | Lobios

O pasado venres, 16 de setembro, visitamos as minas das Sombras (Lobios). Co ánimo de seguir coñecendo o tema das minas e a minería aquí na contorna e mesmo tentando crear sinerxías entre os territorios.
É un luxo poder ir tan ben acompañado: Tomás e Eduardo, dous grandes, un biólogo e un xeólogo que posibilitan que a mirada poida ser tan ben titorada que mellora espectacularmente; as que para min serían simples pedras para eles son granitos. Neste caso granitos que teñen a mica rica en ferro (falan da biotita), e grandes cristais de feldespatos  (“dentes de cabalo”). E explican as tonalidades rosas/ avermelladas remontándose a 300 millóns de anos,  o  proceso de  perda de cuarzo e ganancia de feldespatos debida á circulación polas fracturas de fluídos a alta temperatura que serán as que mobilizan os metais coma o volframio e outros, presentes na mina das Sombras.
Ou que a paisaxe que observamos xerouse fai uns 40 millóns de anos e que en tempos xeolóxicos moi recentes, fai uns 30000 anos, durante a última glaciación, existía un glaciar na parte alta da serra do Xurés. E ver as pegadas da existencia aquí dunha  desas linguas do glaciar. Si, visualizala neste val erosionado en forma de "U", e outra parte erosionado polo río en forma de "V".
Xa nos arredores dunha das bocas da mina puidemos ver os restos dos edificios, das vivendas dos traballadores así como abundantes escombreiras... E situados aquí imaxinar a situación; cheo de vida e agora en ruínas; que durante as dúas guerras mundiais do século XX o volframio se convertera nun elemento estratéxico, para blindar aceiros e construír munición. Entender que a proximidade desta mina a unha fronteira de difícil vixilancia, está a menos de un quilómetro de territorio portugués, puido ser importante para entender a súa grande rendibilidade.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias