Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 02/09/2022 | Visita nas Casas da Memoria da Directora da COMG

Visitounos a Directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia

Proxecto sobre o noso patrimonio xeolóxico e mineiro

02/09/2022 | Lodoselo

Arredor das Casas da Memoria e a recuperación do noso patrimonio como conxunto de cousas materiais ou inmateriais de certa antigüidade e importancia recoñecida, pertencente a unha colectividade, tivemos esta semana unha nova de interese.
Trátase da visita deste pasado mércores, 31 de agosto, de Arancha Prado Santiago, Directora da Cámara Oficial Mineira de Galicia (COMG). Foi o Eduardo González Clavijo (xeólogo salmantino casado no Concello de Sarreaus) quen da man dun dos veciños viñera visitar as minas, o traballo feito polo CDR, sobre todo vivencial o que nos ofreceu o seu aporte técnico -que posibilitará a comprensión global desta actividade histórica- e con el a posible implicación no mesmo doutras instancias como a COMG e o ICOG (Ilustre Colexio Oficial de Geólogos. E foi el quen conseguiu traer aquí á Directora da COMG.
A visita de Arancha Prado Santiago foi para amosarlle o que levamos feito, visitamos as Casas da Memoria e situamos esta actuación dentro do conxunto de actividades que desenvolve o CDR e para presentarlle o proxecto a realizar: a caracterización da xeoloxía asociada a estas minas nas que se explotaron filóns de estaño e wólfram así como outras de carácter aluvionar; así como identificar os elementos visibles con potencial de estudo e conservación da actividade mineira que existiu na zona como parte do patrimonio da nosa contorna.
Agardamos que a sintonía vivida nesta visita sexa o comezo dunha colaboración ben proveitosa para un maior coñecemento sobre o patrimonio xeolóxico e mineiro; a recollida e divulgación dun fondo documental (nas Casas da Memoria) e mesmo a incorporación dalgunha actividade asociada ás minas no Pobo escola (como batear para buscar wólfram e estaño nas areas dalgún regato como nos contan que se facía ).  
Acabamos a visita no Concello de Sarreaus onde estivemos co alcalde. Para que tivera coñecemento deste novo empeño e contar coa súa colaboración. Arancha Prado Santiago faloulle do seu interese en colaborar e axudarnos na procura de financiamento e na posible incorporación desta zona (Lodoselo, Freande, Nocelo…)  nas novas rutas mineiras, como lugares de interese que a COMG está a divulgar para todas aquelas persoas que queiran coñecer o noso patrimonio xeo-mineiro vencellado á natureza.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias