Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 01/08/2022 |

Aprendemos o que amamos

Gratitude infinita

01/08/2022 | Lodoselo

O pasado venres, 29 de xullo, demos por rematado o curso 2021-2022 na Casa Niño Lodoselo, e despedímonos do Álex e do Enzo, que en setembro continuarán o camiño no CEIP de Sarreaus. Fixemos un encontro ben bonito acompañados das familias, da Pili, do Eloi e do Toño; e moitas persoas do CDR, aínda que non estiveron presentes, transmitíronnos fermosas palabras para todo o grupo, especialmente para os dous "maiores" deste ano. Plantamos dúas glicinias no xardín sensorial, nese espazo no que tantas horas pasamos, coa intención de que florezan ó seu ritmo e poidan darnos sombra e fresco nos anos vindeiros; quédanos a tarefa de seguir coidándoas para que cumpran o seu fin! Despois fomos cara o albergue e compartimos un xantar -coma unha familia- con moitos sorrisos e moita ledicia; intercambiamos agasallos moi simbólicos unhas e outros e dixémonos ata logo, claro, aquí están a casa niño e o CDR para recibilos sempre.
E así, despois de liberar emocións a moreas, autoavaliándonos a nós mesmas, continuamos o compromiso de seguir mellorándonos como persoas, seguir formándonos, seguir ralentizando para acompañar á infancia.
Grazas a cantas persoas formastes parte do camiño do Enzo e do Álex: Mayara, Laura Tejada, María, Uxía, Lucía, todo o persoal e o CDR O Viso por sermos xuntos, todas as visitas que tivemos, a Néboa, a Muma, a Bimba, os gatos, os pardaos, o cuco... e grazas ás familias por camiñar canda nós e nós canda elas.
As aldeas son amigas da infancia e o noso proxecto pedagóxico fundaméntase nas pequenas (grandes) cousas da vida cotiá: merendar nos mazadoiros, descalzarnos na horta, sementar, regar, colleitar, acompañar, convivir, vivir fóra, coa xente, na aldea. Cremos que estamos no mellor lugar do mundo para medrar toda persoa.
Somos conscientes de que somos cos demais. Gratitude infinita
A Casa Niño Lodoselo está financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e  acóllese á Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a continuidade das casas niño que iniciasen a súa actividade entre o 1 de outubro de 2016 e o 31 de xaneiro de 2021.

https://www.kizoa.com/Movie-Maker/d386672377k4709682o2l1/Casa niño. Xullo 2022

Arquivada en:
Infórmate > Noticias