Accesibilidad

Noticias 

Acollemos a visita da Conselleira de Política Social e Xuventude

Graciñas por facernos visibles, apreciables

07/07/2022 | Lodoselo

Onte, mércores, día 6, pola tarde, recibimos en Lodoselo a visita da Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García. Ás 17.30h esperabámola no Centro de Inclusión algún membros da Xunta Directiva, persoal laboral do CDR e dous concelleiros do Concello de Sarreaus.
Tiveramos a ocasión de convidala no encontro celebrado na Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, en Santiago o pasado 22 de setembro con motivo da publicación no DOG, ese mesmo día da orde de axudas con cargo á casilla social do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Foi o Director Xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, o que o día anterior nos comunicou esta visita e o seu empeño en que lle amosaramos o noso quefacer cotiá porque el non podía vir. Arturo Parrado xa nos ten visitado en varias ocasións; tamén Fernando Glez Abeijón (Director Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e Jacobo Rey (Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica) nos visitaron aquí en Lodoselo e Cristina Pichel (Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado) no CIX en Xinzo.
E con calma, nunha actitude próxima e amigable fómoslle amosando as distintas dependencias do Centro e as actividades que alí se realizan: de promoción da autonomía e prevención da dependencia:  actividades co persoal do centro: auxiliares, educadorxs sociais, terapeuta ocupacional, psicóloga, fisioterapeuta e puntualmente outros como é o caso do podólogo; o servizo de cociña para o comedor social no propio centro e a domicilio; os servizos de transporte (vehículos para a xente e para a distribución diaria de máis dun cento de bandexas por pobos de cinco concellos da comarca; os servizos de proximidade e a domicilio posibilitando o permanecer na casa, no noso medio, nas mellores condicións; a casa niño; o xardín ou espazo de estimulación sensorial; o apoio á inclusión social básica e a transición ó emprego con itinerarios personalizados; a dinamización das comunidades en territorios de exclusión (O Camilo deulle un exemplar da Memoria da Auga, da veciñanza de Boado) e o noso empeño inclusivo e interxeracional; o programa de emerxencias...
Tamén estivemos na vivenda comunitaria “A túa outra casa” de charla coas persoas que alí conviven e na antiga reitoral, sede do pobo escola e agora no verán do programa Concilia; e como non, coñeceu o noso rabaño de ovella galega, a Muma, a horta coas framboesas no seu punto e os espazos onde temos os coellos e as distintas aves.
E pedimos seguir contando coas axudas necesarias para seguir prestando uns servizos de calidade; retomamos temáticas nas que precisamos seguir avanzando: romper o círculo da exclusión territorial; as especifidades dos territorios, do medio rural; o mudar a non consideración de gasto subvencionable as baixas que se prolonguen máis dun mes, que aparece nas convocatorias do IRPF; a reforma laboral e a sostibilidade do terceiro sector ( a procura doutro modelo de financiamento que non impoña a precariedade e inestabilidade que conleva o das subvencións anuais; camiñar cara fórmulas de concertación porque estamos facendo acción pública delegada, prestamos servizos públicos).
Agradecer, unha vez máis, o facernos visibles, apreciables, achegándose ata o noso medio, a nosa realidade; graciñas por contar con nós. Unha actitude de xenerosidade que é xusto a que se necesita para deixar de ver a administración como ameaza e si como apoio.

Esta é a ligazón á actualidade da páxina da Consellería na que se recolle esta nova; indicar que a cantidade que cita é para a agrupación de Asociacións Terra e Xente da que que forma parte o CDR O Viso, non só para o noso CDR. https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/70620/xunta-reforza-apoio-entidades-sociais-galicia-para-impulsar-medidas-destinadas

Arquivada en:
Infórmate > Noticias