Accesibilidad

Noticias 

© CDR O Viso | 29/06/2022 |

A volta do Pobo-escola

Mocidade e rapazada achegáronse de novo á vida no rural.

29/06/2022 | Lodoselo

Despois de dous anos con escasa presenza de actividades do Pobo Escola, debido á pandemia, este ano retomámolas, con moita forza, enerxía e ilusión, partillando a vida, os labores, as xentes, os valores, os tempos, en definitiva, a riqueza do rural.
Entre os meses de marzo a xuño pasaron por Lodoselo 30 centros educativos de diferentes niveis, desde infantil até estudos superiores, da provincia de Ourense, contabilizando un total de 1.025 persoas.
Nestas xornadas puidemos presentar o CDR O Viso, os nosos proxectos e sobre todo dar a coñecer aos máis pequenos e pequenas e á mocidade, os traballos que se realizaban no pobo: elaboración de pan no forno comunitario, coidado dos animais, atender a horta, o coidado do monte e a nosa biodiversidade, o traballo co liño, coñecer diferentes apeiros de labranza, … e outras actividades como elaboración de papel reciclado, traballo co coiro, recoñecemento da flora e fauna da zona, reciclaxe de residuos, o composteiro, conto do “O carballo con botas” coa plantación da árbore que levan. Este ano tamén contamos co Xardín Sensorial, que se atopa situado a carón do Centro de Inclusión de Lodoselo e a casa niño e segue a medrar grazas sobre todo a Pili e Eloi, onde os meniños, as meniñas e as persoas adultas puideron experimentar e xogar cos sentidos, tocando diferentes texturas coas mans e pés, descubrindo sons, cheiros e cores.
Sempre contando coa participación e colaboración dos veciños e veciñas, coas persoas da vivenda comunitaria “A túa casa” e do Centro de Inclusión para desta forma intercambiar saberes, aumentar a autoestima e mitigar a soidade de moitas das persoas, fundamentalmente de idade avanzada. Queremos destacar a colaboración de Isabel, Rosa e Angelita no forno, das cales aprendemos moito sobre a elaboración do pan e doutras moitas cousas que a súa experiencia vital lles foi ensinando.  A elas e a todas as persoas que o fixeron posible moitas grazas.

Velaquí algúns enlaces que os Centros colgaron na súa páxina web ou no blog con motivo da súa participación nas actividades do Pobo escola.

https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipvendasdabarreira/node/138

http://infantil20seixalbo.blogspot.com/

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipvistahermosa/node/1046
 

http://charcalibros.blogspot.com/2022/05/primeira-excursion-ds-noss-benxamins.html

Arquivada en:
Infórmate > Noticias