Accesibilidad

Noticias 

© Deputación de Lugo | 23/09/2021 | Vilela 7

A identidade como factor de desenvolvemento

Participamos nas xornadas O que non arde

22/09/2021 | Vilela. Ancares

Participamos nas xornadas desenvolvidas na Casa Quindós, unha antiga casa de labranza, rehabilitada por Oliver Laxe en Vilela, co obxectivo de acoller accións de desenvolvemento rural. Espazo que pretende actuar como dinamizador doutras iniciativas dos sectores agrogandeiro, turístico, sociocomunitario e ambiental na zona e contribuír a atopar solucións fronte ás variadas problemáticas que encara a montaña lucense.

Os relatorios da primeira xornada, o pasado venres 17, tiveron como eixo de debate as políticas públicas de incorporación ó rural, coas intervencións de Neus Monllor, consultoral agrosocial e coordinadora da Rede de Espazos Test Agrarios e de Mireia Font, xerente do Consorci GAL Alt Urgell – Cerdanya. Tamén se desenvolveu unha mesa redonda centrada nos plans de incorporación de activos, coas intervencións de Pablo Iglesias, xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo, José Manuel Súarez, coordinador do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias da Fundación Juana de Vega, e Manuel Redondo, membro da Asociación Intermunicipal Territorios Reserva Agroecológicos Red Terrae, que coincidiron na necesidade de afondar no seguimento e acompañamento dos novos proxectos no rural a fin de contribuír á viabilidade do modelo de negocio e a súa continuidade no tempo.

Pola tarde, o encontro continuou coas intervencións de Fernando García Dory, que nos contou a experiencia da Escola de Pastoreo de Picos de Europa na recuperación do manexo tradicional do gando, das súas implicacións ambientais e das súas manifestacións culturais, e do apicultor Alberto Uría, que centrou a súa exposición na súa experiencia de volta ó rural para retomar unha actividade tradicional coa que “produce mel e crea paisaxe”.

A xornada concluíu coa mesa redonda “Novos poboadores da montaña e iniciativas empresariais na montaña”, coas intervencións do permacultor Pascal Encinga, do gandeiro da cooperativa A Carqueixa David de Poso, do apicultor Hugo Santín, dos viticultores Héctor e José Álvarez, dos produtores da cervexa artesá Colmo Manuel Guitiérrez e Mireia Rodríguez e de Ana Díaz, que falou do rural como espazo para o teletraballo.

O sábado 18 comezamos coas iniciativas comunitarias e compartimos mesa con Ovidio e tendo como moderador da mesa ó noso amigo Ramiro do CDR Ancares; Ovidio contounos como a Comunidad de Montes de Baroña (Porto do Son) fai unha aposta clara polo aproveitamento multifuncional do monte; despois contamos a nosa, a do CDR O Viso incidindo sobre todo no ámbito educativo e social; despois do coloquio e o café tocoulle a Bernardo (Allariz) e Juan Anta (A Veiga) que contaron os proxectos de desenvolvemento rural promovidos polos seus Concellos; todo un espello onde mirarse.

Na xornada de tarde, Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais, afondou no funcionamento e obxectivos destas entidades encargadas da xestión dos fondos europeos de desenvolvemento rural. Mentras que J. Antonio Díaz e Román Sánchez, presidente e xerente da cooperativa A Carqueixa, que conta con 215 gandeiros e gandeiras asociadas e que se ten convertido nun referente na comercialización de carne criada en extensivo.

A continuación Oliver e Pepa contáronnos a grande aposta que están a facer desde este recuncho, o que levan feito e as moitas vías que teñen planeadas; finalmente as persoas asistentes puidemos ver unha demostración de maquinaria de desbroce en altura e afondar no coñecemento da zona.

Graciñas por convidarnos. Foron ademais moi proveitosas porque este tipo de encontros posibilita atoparnos xente amiga, coñecidos... e tempo para charlar e coñecer máis polo miúdo moitas historias de vida. Rematar explicando que retomamos como título un que no seu día empregou X. M. Cid na Revista Galega de Educación nun artículo que escribiu con María Dapía e Reyes sobre Allariz e Lodoselo.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias