Accesibilidad

Noticias 

San Xoán

Noites de lume e amenceres de auga perfumada.

23/06/2021 | Lodoselo

Esta noite celebramos o solsticio de verán, o San Xoán. Un festexo pagán tan vigoroso que, no século XXI, seguimos celebrando con noites de lume e amenceres de auga perfumada.

En cada casa hai unha receita distinta, con máis ou menos flores, pero hai sete elementos que se repiten unha e outra vez, por toda Galicia. Todas teñen un motivo para formar parte da apócema oficial. A primeira é a flor do San Xoán, o estraloque ou espantademos. Non pode faltar o fiúncho, preciso para evitar o mal de ollo. A herba luisa, que protexe dos enganos e do mal de amor. Malva silvestre, capaz de abrandar os caracteres máis duros. Un pouco de fento macho, que protexe os fogares; a xesta e completemos co romeu, unha herba que estimula, pero que tamén purifica.

Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de San Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio de verán e mais pola forza do orballo desta noite. Mañá, en Lodoselo e Laroá, lavaremos a cara con esta auga perfumada e purificadora.

Arquivada en:
Infórmate > Noticias