Accesibilidad

Axenda de actividades

© CDR O Viso | 24/11/2022 | II Congreso Rural en A Limia de la despoblación

Alugar a miña casa e que me vaia ben

II Congreso Rural Limiao do despoboamento

01/12/2022 - 02/12/2022 | A Limia

Un rural habitable e habitado é un lema, un obxectivo e unha razón de ser do CDR. A vida en comunidade é posible só cando temos veciñas e veciños con quen relacionarnos, con quen convivir, con quen aprender e con quen discrepar.
A ameaza do despoboamento sobrevoa as aldeas cunha sombra densa que ás veces non deixa ver todos os raios de sol que aínda hai e que alumean as nosas carreiras, airas, campos e casas.
Para calquera unión cómpren dúas partes. Para unirnos contra o despoboamento fan falta familias que queiran vir ós nosos pobos e casas que reciban a estas familias. Esta segunda premisa non é fácil malia ás ducias ou centos de casas pechadas nas aldeas. Estamos facendo algo mal que non damos avanzado como queremos neste tema e por iso o CDR quere darlle unha volta a iso e convocamos a toda a xente que queira a aprender e reflexionar conxuntamente nunha xornada que demos en chamar II Congreso Rural Limiao do Despoboamento e que terá lugar o xoves 1 de decembro no albergue de Lodoselo á tarde.

Unha xornada de formación popular para escoitar testemuñas de xente que veu, alugou ou mercou; de xente que non consegue facelo; de persoas que alugaron, venderon e doutras que non o fan. Unha reunión de persoas para tratar un asunto de interese común, dialogando e na que contaremos con algún especialista que nos asesore; tamén están invitados algúns representantes das administracións locais e provinciais e concluiremos a xornada elaborando algunhas propostas que nos axuden a avanzar; achegas que remitiremos á opinión pública e ós estamentos que nos parece que estan implicados.

 

Lugar de celebración:

II Congreso Rural na Limia do despoboamento

Arquivada en:
Infórmate > Axenda de Actividades